A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez supervisou a actuación executada na estrada PO-250, consistente na ampliación da ponte de Pasais (tamén coñecida como ponte de Xulián) e a construcción dunha beirarrúa na marxe esquerda da calzada. A conselleira tamén informou de que as obras da depuradora, cun investimento aproximado de 170.000 euros, atópanse moi avanzadas e a previsión é que estean completamente finalizadas este mesmo verán. Vázquez avanzou que a Consellería de Medio Ambiente vai colaborar co concello de Redondela na execución da senda peonil do río Maceiras.
A conselleira de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, destacou hoxe a mellora substancial na fluidez dos tráficos e na seguridade viaria, tanto de vehículos como de persoas, que supoñen as obras executadas polo seu departamento na ponte sobre o río Alvedosa.
A Xunta de Galicia vén de concluír as obras de mellora na estrada PO-250 Redondela-Forzáns, ao seu paso por Redondela, cun investimento de máis de 120.000 euros. En concreto, a actuación consistiu na ampliación da estrutura e beirarrúa da estrada co obxecto de mellorar a seguridade viaria no punto quilométrico 0+160 da estrada autonómica, na ponte sobre o río Alvedosa, co fin de evitar a interferencia entre vehículos e peóns. A ampliación da estrutura completouse cunha pequena ampliación da calzada na zona para acadar unha anchura de carrís axeitada.
Ethel Vázquez explicou que a actuación executada na ponte sobre o río Alvedosa atende unha vella demanda cidadá e supón un avance na aposta do Goberno galego por mellorar as infraestruturas, e con iso a seguridade viaria e a calidade dos servizos que se lle prestan aos cidadáns.
Neste sentido, a conselleira puxo en valor as obras que o seu departamento está levando a cabo para mellorar a estación depuradora de augas residuais deste municipio, co obxectivo de reducir o impacto da instalación, favorecer a súa integración urbana e minorar a súa pegada visual no contorno. A conselleira explicou que estas obras, que suporán un investimento aproximado de 170.000 euros, atópanse moi avanzadas e a previsión é que estean completamente finalizadas este mesmo verán.
Por último, a conselleira avanzou tamén que a Consellería de Medio Ambiente vai colaborar co concello de Redondela na execución da senda peonil do río Maceiras.