A concelleira de Muller e Igualdade Teresa París, amosa a súa “incredulidade” ante as críticas do BNG polo suposto atraso na posta en marcha do protocolo contra a violencia de xénero con motivo do asasinato acontecido no concello de Arbo. Asegura que se actuou coa dilixencia máxima xa que este protocolo, no que se establece a garda dun minuto de silencio no seguinte pleno, a remisión dunha nota de prensa rexeitando estes actos e a convocatoria dunha concentración, iníciase no momento en que se recoñece a vítima dende a Secretaría Xeral de Igualdade.
O Bloque criticaba o pasado luns que dende a Concellería da Muller non se tivese activado o protocolo ante un crime que se coñecía xa na fin de semana. Con todo, dende o departamento que dirixe Teresa París aseguran que non foi ata a xornada do martes cando a Secretaría Xeral de Igualdade confirmou que se trataba dun caso de violencia de xénero e que foi a partir dese intre cando se convocou unha concentración en solidariedade coa vítima e en repulsa por esta lacra social. Concentración que tiña lugar no mediodía de onte ante as portas do concello.
Engade Paría que “o descoñecemento do Bloque chega a tal punto que pretenden que se active un protocolo antes de que estea confirmado pola Secretaría Xeral de Igualdade” e lamentan que “este tipo de busca de notoriedade por parte do BNG tratando de utilizar estas terribles desgrazas no seu favor, cousa bastante incompresible, así como a falta de coñecemento e funcionamento dos protocolos e acordos que eles mesmo subscriben”.