O novo concelleiro de Deportes e Xuventude asume tamén outros retos para este mandato, como a distribucións de horarios no novo pavillón de Redondela e a promoción do deporte feminino. Mougán quere ser “a canle” entre os clubs redondeláns e o Concello, recoller as necesidades de todos eles e establecer “unha folla de ruta” co deporte base como prioridade.
Logo dunha traxectoria profesional viculada ao fútbol sala, Julio Mougán asume a concellería de Deportes de Redondela “como un reto máis”. É consciente do traballo que ten por diante e establece as prioridades para este mandato, entre as que están a mellora das instalacións deportivas na parroquia de Chapela, onde o pavillón está “masificado”. O primeiro para o novo edil é reunirse coas directivas de todos os clubs e facer unha “auditoría deportiva”. Coñecer de primeira man as necesidades de todos eles e establecer unha folla de ruta para tentar darlle resposta. Mougán salienta que Redondela vive “un momento doce a nivel deportivo”, con moitas disciplinas a moi alto nivel e cunha ampla canteira. Desde o Concello pretende colaborar con esa masa social que compoñen os clubs, e ofrecerlles ferramentas para seguir medrando. Establece como prioridade as categorías bases, e a concellería ofrecerá “formación” aos clubs para que poidan mellorar a preparación dos seus monitores.