Falta de desaugues, superficie esvaradía e o aumento de barreiras arquitectónicas son algunhas das queixas dos veciños logo dunhas obras de saneamento, abastecemento e recollida de augas pluviais que contan cun orzamento de case 300.000 euros.
Varios concelleiros do grupo municipal socialista reuníronse cos veciños que lle trasladaron as súas queixas. Denuncian que os traballos non contan co consenso dos residentes, que teñen que estar día tras día “pelexando” cos obreiros para conseguir pequenas modificacións. A veciñanza ten que actuar deste xeito debido a que “non recibiron ningunha solución ás súas peticións” tras varias reunións co concelleiro Arturo González e co alcalde. Entre as deficiencias que existen, as rúas non contan con desaugadoiros. Numerosas casas “corren o perigo de inundacións” coa chegada das chuvias, sen contar que a superficie é bastante escorregadiza e perigosa para os transeúntes da zona. Ademais, hai portais que quedan a alturas moi distintas das que estaban antes, moitos deles por debaixo do nivel da rúa. Por outra banda, as numerosas barreiras arquitectónicas non deixan acceso as persoas con mobilidade reducida, e as modificacións das rúas obrigan a moitos veciños a dar mais volta para chegar ás súas casas, porque non son capaces de subir por onde o facían habitualmente. O edil socialista Mauro Álvarez recalca que “o pavimento da zona é demasiado desigual e a xente maior que reside na zona vai ter problemas de caidas e de mobilidade debido a estas irregularidades”.