Os rapaces de Redondela terán a ocasión de coñecer de primeira man o mundo da pesca e da conserva, de gran tradición en Galicia. A Consellería de Medio Rural e do Mar ten en marcha unha campaña para fomentar consumo de conservas mariñeiras entre os nenos e nenas. Os interesados en participar na viaxe, que será o 21 de agosto, poden inscribirse no Concello.
A campaña desenvólvese coa colaboración da Xunta e ANFACO-CECOPESCA, e ten por obxectivo “incidir e equilibrar as dietas alimenticias”, fundamentalmente nas idades “infantil e xuvenil”. Tamén dar a coñecer e poñer en valor os produtos da pesca e a acuicultura de Galicia. E o Concello de Redondela está a colaborar na difusión e inscrición desta actividade. A saída consiste nunha vista ao Museo ANFACO da Industria Conserveira, onde se realizará unha viaxe pola historia da industria conserveira de peixes e marisco, e ao Museo do Mar de Vigo, no que se poden ver maquetas de embarcacións tradicionais e bateas. A saída tamén inclúe unha merenda con degustación de conservas. Poden participar rapaces entre os 6 e 14 anos. Será o venres 21 de agosto, con saída ás 09.30 horas desde a Praza de Ribadavia e de retorno ás 13.30 horas no mesmo lugar. Para esta actividade se ofertan un total de 46 prazas, que serán adxudicadas segundo rigorosa orde de inscrición. Para inscribirse é preciso chamar ao 986 400 300. O prazo ábrese hoxe luns, e remata o venres 14 ás 13.30 horas. A actividade é de balde.