Esta mañá comezou o obradoiro de emprego “Redondela ecosostible”, que terá unha duración de seis meses e no que participan persoas desempregadas. O obxectivo é que reciban a formación axeitada para integrarse no mercado laboral con éxito.
A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, acompañada polo alcaldesa en funcións, María del Carmen Amoedo, deu a benvida aos alumnos e alumnas no inicio do obradoiro no Pazo Pousadouro. Xunta e Concello fan posible este programa mixto de formación e emprego cun orzamento de case 230.000 euros. Un total de 20 alumnos e alumnas formaranse con clases teóricas e prácticas en dúas especialidades: agricultura ecolóxica e albanelería-cantería. O obradoiro alterna a formación co traballo ou a práctica profesional. Deste xeito preténdese unha dobre vertente: que as persoas desempregadas consigan aprendizaxe, cualificación e adquisición de experiencia profesional para que “aprendan traballando”. Ademais, percibirán o salario mínimo interprofesional toda vez que reciben formación para que logren una reinserción laboral posterior. Na especialidade de Agricultura Ecolóxica formaranse 8 alumnos que, entre outras accións, realizarán traballos de explotación agrícola de produtos ecolóxicos no Pazo Pousadouro. Mentres, noutras fincas (na antiga escola de Saxamonde, na finca Pexegueiro, nos Eidos e na Coutada) realizarán labores de froiticultura que consistirán na preparación do terreo, plantación de árbores froiteiras, labores de poda e inxerto. Pola súa banda, na especialidade de Albanelería-Cantería, un total de 12 alumnos e alumnas recibirán formación para finalmente actuar na restauración da antiga escola de Cedeira, actualmente en ruínas, para a súa posterior cesión aos veciños, que a destinarán a local social da parroquia.