Un equipo composto por cinco alumnos do Centro de atención a persoas con discapacidade (CAPD) de Chapela, dous docentes e dous adestradores do Monte Real Club de Iates de Baiona participarán no 30º Trofeo Príncipe de Asturias de Vela, que terá lugar o próximo fin de semana, 5 e 6 de setembro, nesta localidade pontevedresa.
A iniciativa forma parte da campala de “Lecer Activo” que organiza a Consellería de Traballo e Benestar para fomentar o deporte adaptado ás persoas con discapacidade. Ata a actualidade, a experiencia levábase a cabo con persoas con discapacidade física e, este ano por primeira vez, amplíase a persoas con outras tipoloxías de discapacidade, fundamentalmente intelectual. O Trofeo Príncipe de Asturias é unha regata que une a un gran número de barcos de distintos tipos. Esta iniciativa pretende que persoas con discapacidade poidan competir nunha regata en igualdade de condicións xunto a outras persoas sen discapacidade, así como no resto de actividades programadas como o almorzo, cea ou a entrega de premios.