O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, e a presidenta do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, Teresa París, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para executar o “Plan 2015: 10 anos de Vacacións con Traballo”. O obxectivo desta iniciativa é sensibilizar á sociedade galega a prol da cooperación para o desenvolvemento.
A Xunta de Galicia achega 40.000 euros do total de 58.860 euros contemplado no proxecto. Xornadas, exposicións, teatro, cine, encontros dixitais, misións a países do Sur ou o propio programa de voluntariado internacional Vacacións con Traballo son algunhas das actividades que se levarán a cabo para reforzar a rede do Fondo Galego e promover a educación para o cambio social. O Fondo Galego e o goberno autonómico veñen asinando convenios de colaboración desde o ano 2000. Na última década, as achegas superaron o medio millón de euros. Se ben en 2013 o apoio ficou en suspenso, retomouse o pasado ano e continúa no presente exercicio, tal e como recolle o III Plan director da Cooperación Galega, que tamén recoñece o papel do Fondo para potenciar a solidariedade internacional desde o local e así mellorar a súa coordinación e capacidade.