A Asociación Deportiva e Cultural de Rande arranca motores de cara a conmemorar o 313 aniversario da Batalla de Rande cun programa que se desenvolverá nas inmediacións do Meirande o sábado 17 de outubro. O acto central será a escenificación da batalla para o cal precisan de actores e de vestiario axeitado. Por este motivo convocan obradoiros de teatro e costura que arrancan este mércores baixo a dirección da Compañía de teatro Escuadra 17.
Estes obradoiros realizaranse nas vindeiras semanas os mércores e xoves en horario de tarde de 19:30 a 21:00 horas e son completamente gratuítos para todos os que queiran colaborar e participar activamente duns actos que vivirán a súa xornada grande o 17 de outubro. O obradoiro de teatro está enfocado a todas as idades, sen importar a experiencia previa. Nas clases traballarase a posta en escena dos momentos históricos da batalla e costumes da época mediante a expresión corporal e vogal de xeito divertido e didáctico. Imprescindible contar tamén para esa data con roupa axeitada, motivo polo que se organiza un segundo obradoiro de vestiario de época. Ademais da roupas prepararanse perrucas, calzado e complementos propios dos séculos XVII e XVIII. As persoas interesadas pódense inscribir no teléfono 629823671 ou achegándose directamente á sede da asociación anexa ao Meirande.