Esta fin de semana comeza a competición na Liga Galega Sur cos tres equipos redondeláns: Campito, Arealonga e Redondela. O adestrador do Campito F.S., que milita por segundo ano categoría, aprecia unha melloría importante no seu equipo, pero mantén como obxectivo a permanencia.
Os afeccionados locais ao fútbol sala están de parabéns, porque este sábado comeza a Liga Galega Sur, e por primeira vez participan tres equipos locais. Redondela F.S., Arealonga e Campito ofrecerán interesantes derbis nun campionato ateigado de equipos pontevedreses. Para Fran Amoedo, adestrador do Campito, “é unha sorte poder gozar a este nivel do fútbol sala en Redondela”, un deporte que sempre tivo moita tradición neste municipio. Salienta que entre os tres equipos hai unha “rivalidade sa e deportiva”, e ve como favorito ao Redondela de Jorge Expósito. Para Amoedo, malia o cambio de adestrador, o equipo conserva o núcleo duro de xogadores e volverá ser un dos máis competitivos da categoría. No caso do Campito o equipo tamén se reforzou, con cinco novas incorporacións coas que forman un cadro máis amplo e competitivo de 14 homes. Continúan os tres capitáns, Yago , Varo e Óscar , xunto con Simón, Fredo, Borjita, Dani, Alex e Miguel. As novas fichaxes son Mikel Garrido “Maikel”, un fornelense de 23 anos da canteira da SD Pazos; Rafael Alvarez Martínez “Rafita” redondelán de 25 anos da canteira do FS Redondela, que deixara de xogar en xuvenís; e tres xogadores procedentes do Baíña F.S. e os tres de 25 anos de idade. Son os vigueses Pablo Ferreño “Parre” e Pablo Gándara, e o chapeleiro Iñaki Cabaleiro. ´Na pretemporada os resultados foron positivos e a integración dos novos xogadores “moi boa”, polo que o míster confía nun bo arranque ligueiro. Con todo, a estrea este sábado diante do Verín Futsal será “unha proba dura”, xa que se trata dun dos equipos fortes da competición. O pasado ano gañou por goleada aos de Amoedo nos dous enfrontamentos, aínda que nesta nova temporada agardan ser “máis competitivos”. O obxectivo do técnico segue a ser humilde, e marca como prioridade a permanencia. Con todo, non renuncia a nada se o obxectivo dos 35 puntos se cumpre antes do ecuador da segunda volta.