O novo pavillón de deportes de A Marisma continúa sen data de apertura. Con todo, dende o goberno local aseguran que os trámites están moi avanzados e que só resta que a empresa Fenosa complete a electricidade do edificio e que Aqualia realice as cinco acometidas necesarias para o bo funcionamento das instalacións. O concelleiro de deportes Julio Mougán anuncia que a posta en marcha do pavillón “está próxima logo de que o Concello concluíse todos os trámites que lle competían”. Ante a proximidade da súa apertura o concello xa ten en marcha a compra do mobiliario e equipamento necesario para a súa posta en funcionamento.
“Queremos poñer en marcha esta instalación canto antes xa que é moi demandada polos clubs” así o explicaba Julio Mougán quen adianta que “esta instalación vai ser valorada moi positivamente por eles xa que se trata dun pavillón de alto nivel”.
Unha infraestrutura deportiva cuxa construción debía estar rematada o pasado 15 de marzo, xa que así o establecían os prazos do Plan Marisma Máis, que financia o 70% dos custe da obra. Con todo, seis meses despois o pavillón segue sen actividade deportiva. O concello confía en que “solucionados por fin os diferentes atrancos producidos para a realización das acometidas principais, se inicien xa as obras que garantan o correcto funcionamento tanto do subministro de electricidade como de auga”.
Fenosa deu o visto bo para a ubicación correcta do cadro eléctrico, que xunto a acometida de socorro, completará a electricidade. Por outra banda, Aqualia tamén procederá á realización das cinco acometidas necesarias. Dúas actuacións que deberían estar resoltas no prazo de dous meses.
O Concello de Redondela ante a proximidade da súa apertura xa ten en marcha a compra do mobiliario e equipamento necesario para a súa posta en funcionamento xa que no momento que as instalacións teñan as acometidas necesarias a apertura será inmediata. “Agora mesmo son as empresas as que teñen que apurar as acometidas xa que os trámites que o concello tiña que realizar xa foron realizados” declara Julio Mougan quen engade que o temporal dos últimos días con fortes ventos e chuvias “tamén serviu de test, para comprobar como o Pavillón se atopa en perfecto estado, sen ningún tipo de filtración ou humidade”.
A nova instalación dispón dunha pista cunhas medidas que fai que se poidan xogar competicións oficiais de baloncesto, balonmán, fútbol sala e bolei. Tamén se poden xogar dous partidos de minibasket simultaneamente e dispón de marcadores inalámbricos electrónicos. O material da pista é similar ao que hai dous anos se instalou no pavillón de Chapela e que goza das mellores críticas por parte dos usuarios que xa demandaban este tipo de pistas. Dispón de seis canastas, catro delas de abatemento eléctrico e dúas manuais e as seis se poden utilizar para basket ou minibasket xa que son regulables en altura.