Os veciños da rúa Carballo, na parte alta de Redondela, xa alertaran días atrás da existencia do niño de avespas que se atopaba nunha árbore dentro dun terreo particular. Malia advertiren os expertos que non supón un risco directo para a saúde humana, si resulta molesta e crea situacións de alarma polo que o Concello procedeu a axilizar os trámites para que se procedera a súa retirada que se realizou onte coa intervención de operarios de Tragsa e o GES.
O enxame atopábase nunha árbore dentro dun terreo particular na rúa Carballo, un pequeno vial na zona alta de Redondela que comunica a rúa Telmo Bernárdez coa estrada a Reboreda. Ata o lugar desprazáronse operarios da empresa Tragsa quen en colaboración co Servicio de Emerxencias e salvamento procederon a retirar todo o niño sen que se producira ningunha complicación.
A Vespa velutina, comunmente coñecida como avespa asiática ou asasina, procede de China. Trátase dunha especie invasora que se estendeu por todo o Noroeste Peninsular. Os expertos aseguran que non supón un risco directo para a saúde humana, pero si afecta as colmeas de abellas.
Para diferenciar unha abella típica de Galicia dunha invasora, os expertos aconsellan fixarse no seu tamaño. As dimensións das asiáticas son menores e o seu colorido distinto.