Os de Chapela estreáronse na competición autonómica do grupo sur da mellor maneira posible. Con vitoria por goleada en Marín e liderato. Pero no club teñen os pés na terra, e o presidente Iván Vázquez recoñece que a situación é “anecdótica”. Pero suman tres puntos nunha liga moi competitiva e comezan “cunha inxección de moral”.
Unha liga que será unha festa para os amantes deste deporte en Redondela, xa que tres equipos locais compiten na categoría cun excelente nivel. O resultado da primeira xornada (Marín 1-8 Arealonga) é unha clara mostra do gran potencial do fútbol sala local. Para Vázquez o fútbol sala redondelán está “nun gran momento”. A goleada do Arealonga en Marín é un primeiro paso importante nesta competición. Aínda que Vázquez, que ademais de presidente do club é xogador, resta importancia ao resultado, ao tratase dun rival feble, que debuta na categoría. No equipo son conscientes de que os bos resultados só poden continuar se o seu traballo é “constante”, e confían en poder facer un bo papel na Liga Galega Sur. Aspiran a estar entre os mellores “se as lesións os respectan”. O equipo de Chapela, que encabeza a clasificación empatado a puntos cos veciños de Campito, e tamén Celedo, Lume Bamboo, Tui Futsal e A Quinta de Tui. Con este excelente arranque preparan o próximo partido, o primeiro como locais, no que recibirán ao Baíña. Un rival que se prevé “máis duro”, xa que malia que pasaron apuros a pasada temporada para salvar a categoría, nesta campaña reforzáronse e son máis competitivos. Por iso Iván Vázquez sinala que este sábado en Chapela “non o porán fácil”.