Son preto de trinta os establecementos do sector no noso municipio, que sofren desde hai tres anos unha suba do IVE que pasou do 8% ao 21%. A crise económica obrigou á maioría deles a non trasladar a totalidade da suba nas tarifas, para non perder máis clientes. O sector reclamou a pasada fin de semana en Madrid unha rebaixa do imposto ao 10%, para poder manter abertos os negocios.
Uns 6.000 profesionais do sector saíron á rúa na capital para denunciar a situación destes establecementos. O sector perdeu 34.000 empregos en tres anos, e 4.000 establecementos pecharon. Redondela non é allea a esta situación. Desde setembro de 2012, cando se produciu a suba do IVE, moitos salóns de peiteado e barberías viron reducidos drasticamente as súas marxes de beneficios, xa que non trasladaron aos seus clientes a totalidade do imposto. Sara, profesional do sector, explica que de aplicar ás tarifas ese 21%, acabarían perdendo máis clientes, que xa “escasean” por mor da crise. Isto repercute na creación de emprego do sector. Para poder “chegar a fin de mes” os establecementos prescinden de persoal. E propietarias como Marga vense obrigadas a traballar “máis horas” para acadar unha facturación que lle permita continuar co negocio aberto. Todo unido a unha menor demanda, xa que a crise económica obrigou a moitos clientes a prescindir dos servizos de peiteado, ou a achegarse aos salóns de xeito máis esporádico. Malena, que traballa nunha cadea de salóns de peiteado, advirte que a situación é “preocupante” para estes negocios que conviven coa crise desde hai anos. A demanda do sector para acadar un IVE reducido vén de longo, e critican que malia os anuncios do goberno de Rajoy de acometer unha rebaixa, o compromiso aínda non se teña cumprido. Logo da mobilización do pasado día 20, e ante a proximidade das eleccións xerais, agardan que se produza unha redución. Fran, que rexenta unha barbería en Redondela, salienta que se trata dun sector que da emprego a unhas 200.000 persoas en toda España, e que o goberno debería escoitar as súas demandas.