Inaugúrase hoxe xoves no Multiusos da Xunqueira ás 20:00 horas a exposición itinerante Bandas de Pontevedra, homenaxe ás bandas da provincia. O Concello aproveitará este acto para homenaxear ás bandas de música de Redondela na persoa de Xesús Martínez Álvarez, que dedicou toda unha vida á música.
Está prevista a asistencia do deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, o concelleiro de Cultura de Redondela, Javier Alonso, e os comisarios da mostra, Xaime Estévez e Ana Costas. Esta exposición organizada pola Deputación de Pontevedra é unha das mostras itinerantes que están a percorrer a provincia e pretende poñer en valor a enorme riqueza cultural e social que supoñen estas agrupacións musicais. En Redondela permanecerá ata o próximo 31 de outubro, onde poderá visitarse no Multiusos en horario de luns a venres de 9 a 14h e de 16 a 21:30h.
Trátase dunha mostra dinámica, 70 bandas para 62 concellos, que en cada concello que visita adquire un aspecto diferente ao darlle primacía á banda propia do lugar. Neste caso, a Banda de Música Municipal de Redondela terá un apartado especial, fundada en 1950, é unha das poucas bandas de titularidade municipal da provincia e o seu artífice foi Víctor Ureña Revuelta. Esta iniciativa busca achegar a toda a poboación á realidade dunhas agrupacións musicais que fan desta provincia un lugar singular, tanto pola cantidade como pola calidade das súas bandas. De feito, Pontevedra é a segunda provincia de España con maior número de bandas, só superada por Valencia. A iso hai que sumar o papel que xogan no reforzo da identidade dos concellos e pobos, a súa función de embaixadoras culturais e a conformación dun forte tecido asociativo que é o que as sostén.
A exposición conta con innumerables fotografías, informacións e gravacións que foron achegadas polas propias bandas, pero tamén con estudos e datos facilitados por expertos e investigadores, partindo do mestre Rogelio Groba e seguindo con estudosos como Luis Costa, Javier Jurado, Paz Antón, Nuria Barros, Alejo Amoedo, Sergio Noche ou Enrique Lorenzo, ademais da Federación Galega de Bandas de Música.