Entenden que as obras de urbanización que están a piques de rematar lonxe de facilitar a habitabilidade no barrio, fomentan o paso de vehículos cara o casco urbano e prioriza as prazas de aparcamento por diante das beirarrúas. Salientan tamén dende o BNG a ausencia de pasos de peóns con lombos que obriguen a reducir a velocidade “o que non vai garantir a seguridade viaria nunha zona con moitas familias con nenos pequenos”.
Ante a inminencia do remate das obras de urbanización da zoa de Eidos, a organización nacionalista amósase moi crítica cos resultados finais. Consideran que “non resposta ás necesidades dos veciños desta parte do casco urbano ao promover a entrada de vehículos particulares no casco de Redondela, con sobresaturación de prazas de aparcadoiro”. O concelleiro nacionalista, Xoán Carlos González critica que se manteñan prazas para coches que invaden en parte as beirarrúas “unha actuación que vai en contra da habitabilidade e mobilidade da zona”.
Apunta tamén as condicións nas que queda o vial “unha rúa recén asfaltada, con liñas discontinuas nas que non se construíron pasos de peóns sobre lombos para reducir a velocidade” nun barrio en expansión no que conviven numerosas familias de xente moza, con cativos, xunto a varias escolas infantís. “Con esta remodelación, non se vai poder garantir a seguridade viaria” engade o edil quen conclúe afirmando que con esta actuación “perdeuse a oportunidade de converter Os Eidos, nun entorno máis habitable, simplemente porque o goberno de Javier Bas aposta polo piche sobre as persoas.