Hoxe é Mércores 27 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Xesús Martínez: unha vida dedicada á música

RR_Noticias

Leva 18 anos ao fronte da banda de Música de Redondela, formación á que está vencellado dende que tiña tan só nove anos de idade. Xesús Martínez recibía onte unha emocionada homenaxe no marco da inauguración da exposición itinerante sobre as bandas de música que organiza a Deputación de Pontevedra e que se poderá visitar ata o vindeiro 31 de outubro no Multiusos da Xunqueira.

“A miña vida dende os nove anos sempre foi música e para min é todo un orgullo que as autoridades me fagan este recoñecemento”. Aínda convalecente dunha operación Xesús Martínez recibía onte esta homenaxe pola súa dilatada traxectoria como músico así como pola súa labor ao fronte da banda de Música de Redondela, unha das máis veterana da provincia e que leva dirixindo nos últimos 18 anos. Un traballo “difícil as veces porque hai unha renovación constante entre os seus membros pero tamén moi gratificante porque son moitos os músicos que se forman na banda” explicaba o director da banda quen engadía que o traballo intenso que realizan levounos a actuar en practicamente todos os concellos de Galicia, en boa parte de Portugal e tamén en diferentes centro galegos do estranxeiro. Recibía esta homenaxe na presentación da exposición “Bandas de Pontevedra. Homenaxe ás bandas da provincia”, unha mostra itinerante organizada pola Deputación que se poderá visitar ata o día 31 no Multiusos da Xunqueira na que se recollen referencias ás 70 bandas existentes na provincia pero que en cada concello que visita adquire un aspecto diferente ao darlle primacía á banda propia do lugar. Neste caso, a Banda de Música Municipal de Redondela fundada en 1950 baixo a dirección de Victor Ureña Revuelta. Un concello o noso moi apegado ás manifestacións musicais e que levou a que máis recentemente tamén se fundara a Banda de Música de Chapela. Esta iniciativa busca achegar a toda a poboación á realidade dunhas agrupacións musicais que fan desta provincia un lugar singular, tanto pola cantidade como pola calidade das súas bandas. De feito, Pontevedra é a segunda provincia de España con maior número de bandas, só superada por Valencia. A iso hai que sumar o papel que xogan no reforzo da identidade dos concellos e pobos, a súa función de embaixadoras culturais e a conformación dun forte tecido asociativo que é o que as sostén. A exposición conta con innumerables fotografías, informacións e gravacións que foron achegadas polas propias bandas, pero tamén con estudos e datos facilitados por expertos e investigadores.  

Xesús Martínez director banda de Música
Amósase agradecido pola homenaxe
Renovación constante
As bandas están continuamente incorporando músicos
Concertos internacionais
Portugal ou Holanda son visitados periodicamente
Xosé Leal deputado provincial
Salienta a importancia das bandas de música

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará