O Construcciones Castro logrou remontar nun partido que se lle puxo costa arriba na primeira parte. Finalmente fíxose coa vitoria por 28-20 ante Las 5 Jotas. A Sar malia xogar na casa caeu ante un superior Oar Coruña por 26-34. Malos resultados tamén para o balonmán feminino que milita na segunda con derrotas para SAR e Chapela.
O Construcciones Castro Chapela tivo que esperar á segunda parte do encontro para atopar o seu sitio e darlle a volta a un partido que se lles estaba a facer moi costa arriba ante o equipo Las 5 Jotas. Finalmente os puntos quedaron na casa logo de vencer o Chapela por 28-20, un resultado que os coloca quintos na clasificación. Peor lle foron as cousas aos xogadores da SAR, equipo situado no decimo terceiro posto da clasificación tras caer ante o Oar Coruña. Segunda derrota consecutiva do Plastic Omnium nun partido disputado na bomboneira no que o equipo visitante non deu opción aos locais. O encontro rematou cun contundente 26-34. Na vindeira semana os de Redondela xogan preto da casa, fano no Porriño, mentres que o Chapela desprázase ao campo da Cañiza.
Tampouco lle foron ben as cousas aos equipos femininos que militan na división de honra prata. Malia ser un recén ascendido, o Carballal saiu a por todas e sorprendeu ás xogadoras do Rodosa Chapela que caeron por 31-23, un equipo que disputaba o seu primeiro partido da tempada tras descansar na xornada anterior. Pola súa banda as féminas da SAR sitúanse na última praza da categoría logo de perder o encontro ante o Lanzarote por 25-36.
Na vindeira semana o Chapela recibe ao BM Mavi e a SAR viaxa a terras asturianas para medirse co Xixón.