O Ministerio de Fomento recoñece, en resposta a unha iniciativa da deputada nacionalista Olaia Fernández Davila, que “non vai dotar de persoal a nova estación dos Eidos” o que é tachado dende esta organización como “unha falla de compromiso total con Redondela, cuxos veciños malia sufrir as obras do AVE, non van saír beneficiados”. Por este motivo reclaman ao Ministerio que corrixan esta decisión “demandamos que se dote do persoal necesario para que esta estación estea á altura do esperado, non pode ser que unha máquina expendedora de billetes sexa a encargada de xestionar esta infraestrutura”.
A través da deputada Olaia Fernández Davila, a organización nacionalista presentou unha xeira de iniciativas de cara a coñecer o papel que ía desempeñar a Estación dos Eidos na liña de alta velocidade.
Para o BNG, esta estación “debe desempeñar un papel estratéxico dentro das comunicacións ferroviarias de altas prestacións, no sur da provincia, pero para iso cómpre dotala de máis servizos e de persoal”. Entenden que pola ubicación do noso concello “para moitos habitantes dos municipios da contorna sería máis cómodo, próximo e barato, coller un tren de altas prestacións en Redpmdeña que terse que desprazar ata o centro de Vigo”, afirma o edil nacionalista Xoan Carlos González, quen engade que para cumprir con ese obxectivo e dar ese servizo é necesario apostar por esta estación dotándoa de persoal.