O equipo masculino afronta a Primeira Nacional con moitos xogadores novos, procedentes do xuvenil, e o feminino estrea categoría na División de Honra Prata con importantes baixas. Nos dous casos comezaron a liga en negativo, pero son optimistas sobre o futuro.
Malia as dúas primeiras derrotas coas que a SAR Plastic Omnium estreou a liga (perderon co Servi Auto Bueu e co OAR Coruña), na directiva son optimsitas. O preisdente, Aurelio Krook “Lito”, está convencido de que a SAR Plastic Omnium non terá problemas para salvar a categoría, porque o equipo “vai a máis”. Recoñece que o equipo de Carlos Rey “non está ao nivel da temporada pasada”, pero advirte que son moi novos e teñen “moita marxe de mellora”. Na próxima xornada terán ocasión de medirse a un rival recén ascendido á nacional, o Porriño, será no pavillón porriñés. Diferente é a situación do equipo feminino. Para a SAR Shopimagen, recén ascendido a División de Honra Prata, manter a categoría sería “un gran éxito”. Con todo, o obxectivo do club é que as xogadoras “aprendan desta experiencia” e gañen “en veteranía”. As pupilas de “Chini” perderon o seus primeiros partidos en Prata, ante o Uneatlántico Pereda e o Lanzarote, e preparan a súa primeira viaxe a terras asturianas, onde se medirán ao Xixón. Os longos desprazamentos será outro dos problemas aos que ten que enfrontarse o club, con visitas a Canarias, Cantabria e Palencia. Outra das preocupacións da directiva é o atraso na inauguración do novo pavillón de deportes, para o que aínda non hai data. Krook lamenta que non poidan facer aínda uso das novas instalacións, xa que o pavillón vello está “masificado” e as precarias condicións da pista provocaron varias lesións aos seus xogadores a pasada temporada.