As críticas dos veciños da zona da Esfarrapada, barrio no que recentemente veñen de acometerse obras de urbanización non estarían xustificadas segundo o concelleiro de infraestruturas, Arturo González. Si anuncia que se acometerán “pequenos matices” para mellorar a actuación realizada pola empresa Desmaco pero engade que “a obra realizada está a ter moi bo resultado tal e como demostra o feito de que xa se produciran dous temporais e en ningún dos casos se cumpriran os temores dos veciños que pensaban que se ían anegar as súas vivendas”.
Unha obra complexa a que se ven de realizar na zona vella de Redondela e que consistiu en humanizar vairas rúas da Esfarrapada procedéndose á renovación integral do saneamento, abastecemento e recollida de augas pluviais por un importe de case 300.000 euros. Unha actuación que preocupa a algúns veciños que amosan o seu temor a que as súas vivendas se vaian anegar por quedar a rúa inclinada cara as vivendas e non cara ao centro tal e como estaba anteriormente. Mentres os veciños denuncian que esta situación xa provocou que lles entrase auga nalgunha ocasión o edil de infraestruturas asegura que “logo de dous temporais nas últimas semanas podemos dicir que as modificacións que hai que facer son mínimas, a actuación hai que valorala como moi satisfactoria xa que non se cumpriron os temores daqueles que pensaban que se ían anegar as súas casas”. Apunta isio si que non se procedeu a recepcionar a obra porque aínda hai que facer algunha corrección “pequenos matices que consistirán en mellorar o recollemento das augas para que vaian ás canaletas así como colocar unha varanda maior nunha baixada para facilitar o paso dos veciños”.