A veterana compañía que comezou a súa andaina en 1991 ten prestado ao longo da súa traxectoria especial atención aos clásicos. Nesta ocasión recupera unha das mellores obras do teatro clásico francés, o Cyrano de Edmon Rostand baixo a dirección de Pedro Rubín, quen salienta o actual da obra “na que se abordan cuestións universais e atemporais”. A representación, enmarcada dentro do programa Outonoteatro, terá lugar o sábado 10 ás 20:00 horas no Multiusos da Xunqueira.
O amor, a intelixencia fronte a fermosura física, as inseguridades… de todo iso e moito máis fala esta traxicomedia que está a levar a compañía Teatro Galileo por todos os escenarios de Galicia, con parada esta fin de semana en Redondela. Baixo a dirección de Pedro Rubín, os intérpretes César Cambeiro, Manuel Varela, Ana Santos e Xosé María López Baño “Tanas” son os encargados de dar vida a este Cyrano adaptado por Julio Salvatierra e no que a escenografía e a iluminación cobran especial protagonismo. As entradas están xa a venda no Multiusos da Xunqueira cun prezo de 5 euros para o público en xeral, entrada reducida a 3 euros para xubilados e estudantes.