A Agrupación de Electores ven de facer un chamamento a todos os artistas, grupos e formación de Redondela para que asistan a unha reunión o sábado 10 de outubro no Multiusos da Xunqueira ás 16:30 horas na que se abordarán diferentes cuestións encamiñadas a promover o seu traballo e demandar do concello que se lles apoie dende diferentes ámbitos.
A iniciativa de AER busca promover o labor e a actividade dos artistas locais, entendendo como tales calquera grupo de música, teatro, títeres, escolas de danza, bandas de músicas, corais… e outras formacións que se dediquen ao mundo do arte. Como primeiro paso entende como prioritario que dende o concello se elabore unha lista actualizada dos artistas existentes no municipio para a súa posterior difusión e promoción entre os organizadores de eventos “facilitando así que o patrimonio cultural de Redondela que representan estas agrupacións teña proxección fóra do concello”.
Na xuntanza abordaranse outras cuestións tales como estudar un modelo legal co Concello para que “no momento de existir un contrato entre un grupo e o Concello, as dúas partes saian gañando. É dicir, buscar entre todos unha forma diferente de contratación á marxe da actual alternativa de creación de “Asociacións sen ánimo de lucro”.
Dende a Agrupación de Electores fan un chamamento a todos as entidades vinculadas á cultura local a que asistan a esta reunión e presenten as súas inquedanzas e suxestións.