Un novo hospital que naceu rodeado de polémica e que agora os veciños de Redondela poden testar. Para moitos dos que xa acudiron a consultas ou probas, o hospital de Beade presenta “unha falta de organización total”, con longas colas para as citas e falta de información sobre a onde deben dirixirse os pacientes. Outros, pola contra, atopan as instalacións modernas e cómodas.
O Álvaro Cunqueiro sempre estivo rodeado de críticas. Os profesionais da sanidade denuncian a súa “privatización”, mentres o goberno defende un hospital “público e na vangarda da tecnoloxía”. Pero que opinan os veciños de Redondela? Os que xa acudiron á consultas ou revisións neste gran hospital destacan a “falta de organización” destes primeiros días. Lola, que acudiu a unha consulta, lamenta “as dificultades” para atopar as salas de consultas e a falta de información. Esta veciña de Redondela pensa que a inauguración e o traslado a Beade se fixo dun xeito “precipitado”, e que o cambio se debería facer dun xeito paulatino “para evitar estes problemas”. Unhas críticas que comparte Amaro, outro redondelán que acudiu esta semana a realizar unhas probas no Álvaro Cunqueiro, e que falta de “falta de organización” no hospital. As grandes dimensións do centro e a súa distribución complican a orientación dos usuarios, e a escasa sinalización do edificio “non axuda”. Pero non todo son queixas e críticas ao novo hospital. Tamén hai veciñas, como María, a quen as instalacións e a atención lle pareceron perfectas. Esta muller, de 80 anos, recoñece que chegou ao hospital “algo perdida”, pero que o persoal “informouna moi ben”. Alsira, que acompañou a un familiar á consulta, valora tamén positivamente o Álvaro Cunqueiro, cunhas instalacións “modernas e cómodas”. A súa única queixa é “o elevado prezo do aparcadoiro”. E é que ata esta semana os redondeláns tiñan que usar o vehículo privado para achegarse ao novo hospital de Beade, a uns 22 quilómetros de Redondela. Os problemas de mobilidade resolvéronse cunha liña de autobús directa que desde o pasado luns une Redondela co Álvaro Cunqueiro. Con dous servizos en horario de mañá e outros dous de tarde, a frecuencia é aínda insuficiente segundo denuncian algúns colectivos, xa que moitas horas quedan sen cubrir. Queixas dos pacientes como o transporte público e o aparcamento súmase a outras reclamacións dos sanitarios, que culminaron cunha multitudinaria manifestación en Vigo hai un mes, e coa destitución da conselleira de Sanidade o pasado luns. O novo conselleiro, Vázquez Almuíña, reúnese hoxe con todos os sectores do hospital. A xunta de persoal ratificou que van continuar coas mobilizacións e que levarán a cabo unha folga xeral o martes día 13. Os problemas cos celadores, os cocientes de persoal “insuficientes”, a privatización de servizos e os defectos estruturais son as principais razóns que os levaron a manter as mobilizacións.