O barrio de Rande retrocederá tres séculos no tempo para celebrar este sábado, día 17, a festa “Arde Rande”. A conmemoración da batalla que tivo lugar na enseada en 1702 contará con representacións teatrais da contenda ao longo de toda a xornada, postos de artesanía, un xantar popular e pasarrúas. O museo Meirande terá xornada de portas abertas desde as 10.00 horas.
A festa, organizada pola Asociación Cultural de Rande e o Concello de Redondela, consolídase na panorama cultural redondelán e amplía a súa oferta con respecto á primeira edición. Juan José Comesaña, presidente do colectivo, salienta que este ano son catro as representacións teatrais programadas, cando o ano pasado limitouse a unha. Amósase “moi satisfeito” pola implicación dos veciños da parroquia, xa que son máis dun cento os que van participar na escenificación da batalla, con representacións ás 13.00, 16.00, 17.15 e 19.30 horas. Esta semana están a traballar nos últimos detalles dos traxes de época para a ocasión, nuns obradoiros nos que contan con varias costureiras para que todo quede “perfecto”. Por outra banda os actores de Escuadra 17 colaboran tamén na organizacións cos obradoiros de teatro, nos que os veciños están a ensaiar as representacións que farán ao aire libre. As actividades completaranse cunha concentración de embarcacións tradicionais no peirao de Meirande, ás 12.30, unha exhibición de esgrima ás 18.30 horas e un xantar popular con prezos populares. Tamén haberá postos de artesanía na contorna da finca do Alemán, onde os artesáns farán demostracións dos seus oficios. Desde o Concello de Redondela o edil de Cultura, Xabier Alonso, manifesta “a importancia deste fito histórico”, non só para Rande e Redondela, senón para toda Europa. Pos iso o Concello quere “intensificar” a colaboración coa Asociación Cultural de Rande e facer que esta conmemoración “medre ano a ano”. Alonso pretende que sexa un festexo no que participen non ó os veciños de Rande, senón tamén os de Redondela e as demais parroquias do municipio. O concelleiro lamenta que a contenda naval de 1702 teña máis recoñecemento no estranxeiro que aquí, “que foi o lugar onde se desenvolveu a batalla”, xa que noutros países europeos hai moitas referencias a este enfrontamento naval. E pon o acento tamén no feito de que Rande teña un espazo destacado na literatura universal grazas a Xulio Verne, que fai referencia a este lugar e á batalla no seu libro “Vinte mil leguas de viaxe submarina”, e o propio escritor francés visitou a enseada. En febreiro de 2018 conmemórase o 150 aniversario da chegada “ficticia” do Capitán Nemo a Rande, e desde a Concellería de Cultura traballan xa para conmemorar tamén esta data e poñer así en valor o patrimonio “material e inmaterial” que a Batalla de Rande supón para Redondela.