Hoxe é Xoves 28 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

As análises de auga de Redondela determinan que 37 fontes non son aptas para o consumo

RR_Noticias

A auga de 37 das 211 fontes do municipio de Redondela non é potable polo que se desaconsella o seu uso para consumo humano. Ese é o resultado da última analítica ordenada polo concello e realizada pola empresa Lema & Bandín Laboratorios. Cesantes é a parroquia que presenta un maior número de fontes con auga non apta para o consumo mentres que a totalidade das fontes analizadas en Cedeira dan uns resultados óptimos que garanten a súa salubridade. A Concellería de Medio Ambiente investiu nestas análises 12.000 euros.

“O obxectivo é repetilas cada ano, agás as que se atopan no trazado do camiño de Santiago xa que neses casos son analizadas mensualmente” explica Miguel Angel Alvarez Ballesteros quen lamenta que en moitas das fontes nas que o Concello colgou o cartel de “non potable” estes indicativos desapareceran días despois.
En total son 37 as fontes e lavadoiros de todo o concello, un 18% do total, as que presentan indicadores que desaconsellan o seu consumo segundo os datos achegados pola empresa encargada de realizar as análises, o Laboratorio Lema & Badin. Con todo, engade o edil que na maior parte dos casos o motivo da non potabilidade das augas “responde a que presentan altos contidos de minerais mentres se descarta a presenza de fecais” cuestión que sería moito máis preocupante.
Cedeira é a parroquia que presenta unhas fontes máis limpas e óptimas para o consumo, sendo aptas a auga dos 13 mananciais existentes. Tamén boa calidade é a que presentan as fontes de Reboreda, parroquia na que só a fonte de Carambola colga o cartel de “non apta”, mentres as doce restantes teñen total garantía.
No lado oposto atopamos a parroquia de Cesantes, na que tan só a fonte do Castiñeiro e a do Tanque sería apta para o consumo mentres que as dez restantes da parroquia non superaron a análise.
Tamén hai que fuxir de consumir auga nas fontes do casco urbano agás na fonte do Mouro e a Fonte do Muro. As existentes na Praza de Ponteareas, praza de Santiago Apóstolo, a fonte da Tafona e a Fonte da Petanca non serían aptas para o consumo humano segundo estas análises.
Alvarez Ballesteros insiste en que en xeral trátase de resultados negativos pero non moi contaminantes e lembra que estas analíticas repítense ano tras ano.
 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará