O arqueólogo Xurxo Constela e o antropólogo Xosé Couñago serán os encargados de guiar esta andaina que organiza o Centro Cultural de Trasmañó. Un percorrido accesible a todos os públicos que partirá o venres ás 21:00 horas dende o merendeiro da Poza da Lagoa. O obxectivo destas actividades é dar a coñecer o patrimonio e poñer en valor os xacementos de Monte Penide-Mirallo.
Unha ruta circular de non máis de tres quilómetros que levará aos participantes a achegarse aos petróglifos existentes en Chan da Cruz, na Porteliña e na Poza da Lagoa. Será o arqueólogo Xurxo Constela da empresa A Citania o encargado de explicar as imaxes gravadas nas rochas e que se aprecian con maior claridade na escuridade, motivo polo que esta V andaina organízase en horario nocturno, a partir das nove da noite. Unhas explicacións que irán acompañadas tamén das lendas asociadas a cada un dos lugares e que contará Xosé Couñado, de Alén Nós. A actividade desenvólvese logo de que nos últimos días dende o concello se procedese a retirar a maleza que cubría estes xacementos e se recuperasen algunhas das sinalizacións que estaban danadas. Constela lembra que se tratada de xornadas de concienciación medioambiental coas que se busca dar a coñecer o parque arqueolóxico de Monte Penide, unha das maiores concentracións de soterramentos tumulares do noroeste peninsular e cuxa posta en valor e divulgación é fundamental para evitar posibles actos vandálicos e asegurar a súa pervivencia. Para participar aconséllase levar calzado cómodo e unha lanterna así como estar puntualmente as nove no merendeiro da Poza da Lagoa.