Convocan esta tarde ás 20:30 horas no Multiusos da Xunqueira unha asemblea aberta enmarcada dentro das accións que están a desenvolver en toda Galicia co obxectivo de presentar unha candidatura unitarias ás próximas eleccións xerais. Convidan a todas as persoas e colectivos sociais e políticos “que desexen formar parte dunha candidatura de esquerdas e dispostos a loitar na defensa dos intereses dos galegos” a participar deste proceso.
O tempo aprema e dende Iniciativa pola Unión (IxU) continúan traballando case contrarreloxo para poder conformar unha candidatura nacional galega aos vindeiros comicios xerais de decembro. Dende a organización apuntan en que “a situación política actual é a máis axeitada para alcanzar o obxectivo de formar un grupo parlamentario propio en Madrid” e que deixar fuxir este momento sería un erro para todos os galegos. Xabier Costas, integrante de IxU confía en lograr achegar a este proxecto a todos os votantes das diferentes formacións políticas de esquerda existentes en Redondela “queremos actuar como un cemento aglutinante para unir a todas as forzas e persoas que sexan demócratas e de esquerdas, buscando o que no une e non o que nos separa”. Unha unión con todo difícil con algúns sectores, como xa se puxo de manifesto logo do preacordo entre Podemos, Anova e EU. Nese sentido apunta Costas que “a esperanza é o último que se perde e malia a decisión das elites de EU e Podemos que parecen non estar dispostos a que haxa unha candidatura unitaria dende Galicia seguiremos traballando nese camiño ata que se esgote o prazo”. Calquera persoa que o desexe pode pasar a formar parte desta Iniciativa, censándose para o proceso de primarias que se celebrará proximamente. Na reunión de hoxe informarase do calendario de actividades dentro do proceso de conformación da candidatura.