A Concellaría de Cultura anima aos artistas, empresas e colectivos culturais do concello a participar nesta Feira das Industrias Culturais que se vai celebrar no Pazo da Cultura de Pontevedra do 4 ao 6 de decembro. Os interesados en participar no stand que o Concello de Redondela disporá nesta feira cultural deben solicitalo por escrito antes do 13 de novembro.
Culturgal é unha feira de carácter anual na que ese dan cita o mellor da produción cultural galega e pola que pasan durante os tres días arredor de 15.000 persoas. Unha afluencia de público que supón unha oportunidade para os participantes de darse a coñecer e promover as súas ofertas culturais.
Así, dende o Concello e co fin de facilitar a participación neste escaparate poñen a disposición dos creadores locais o stand que alugarán na feira para presentar a oferta cultural de Redondela.
Para participar no stand do Concello de Redondela en Culturgal 2015, basta con encher un formulario e envialo a cultura@redondela.es antes do 13 de novembro de 2015.
O espazo é limitado e estará atendido por persoal proporcionado pola organización de Culturgal polo que non se permitirá a ningunha outra persoa a permanencia indefinida no interior do mesmo. Os artistas, compañías, e demais interesados en facer uso do mesmo, poderán acceder a el para entregar e recibir comunicacións; interesarse pola venda dos seus soportes; deixar, circunstancial e por breve período de tempo, efectos persoais (roupa de abrigo, bolsas,…). Recomendan tamén que se utilice o stand como punto de encontro para citas. Pódese deixar tarxetas de visita así como indicar ao persoal encargado do mesmo os horarios e días de presenza na feira, por se algunha persoa desexa facer contacto persoal.
A colocación de soportes para a venda e material de promoción será responsabilidade do Concello, así como a organización xeral do stand.