O Alcalde de Redondela, Javier Bas e o presidente de Audasa, Andres Montaner, asinaron onte a cesión a favor do concello de Redondela dos 34.000 metros cadrados do terreo denominado como finca da Ginaria. A firma prodúcese unha semana despois de que a Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestructuración Bancaria (Sareb) dese luz verde á venda de dita parcela. No solar, tamén coñecido como “polígono de autopistas” construirase o novo colexio de Chapela cuxo financiamento correrá a cargo de Audasa.
Esta cesión gratuíta era unha das principais reivindicacións municipais que o concello fixo a Fomento co obxecto de lograr así uns terreos nos que construír un novo centro educativo para substituír ao actual Colexio Igrexa afectado pola ampliación. A edificación do novo edificio correrá a cargo de Audasa. A concesionaria da autoestrada debería agora contruír o novo centro no prazo máximo de 24 meses.
O alcalde, Javier Bas amosaba a súa satisfacción logo da sinatura do convenio “hoxe a cesión dos terreos xa son unha realidade, Chapela dispón de 34.000 metros cadrados gratuítos de terreo para a construción do novo colexio que tamén correrá a cargo de Audasa e dun novo espazo de ocio para os Chapelanos”.