De xeito unánime todos os grupos amosaron o seu apoio aos mariñeiros e armadores da flota de cerco que estes días están a mobilizarse en demanda dun reparto xusto da cota do xurelo e da xarda. Unha demanda que trasladaron tamén ao auditorio do Multiusos cunha pancarta na que se podía ler “Por un reparto xusto e lineal para o cerco”.
A moción presentada polo PSOE salientaba a importante repercusión que na economía dos veciños de Redondela está a ter a situación de paro que vive esta flota xa que “o noso concello posúe 20 barcos dos que dependen máis de 150 familias só de forma directa”. O edil Leonardo Cabaleiro facía fincapé na situación de “familiares e amigos cada vez máis desesperados ante a incerteza do futuro da pesca galega producida por unha repartición desigual que crea rexións de primeira e segunda”. Responsabilizaba tamén desta situación á falta de xestión e presión política por parte do goberno popular tanto da Xunta como de Madrid. Unha críticas que compartiron os voceiros de BNG e AER. Así, o nacionalista Xoan Carlos González criticaba que “non exista un goberno galego que defenda os nosos sectores productivos cando non estamos a xogar o futuro do país”. Bernardo Crespo de AER acusaba á Xunta de “mirar cara outro lado mentres o goberno do estado se amosa sumiso e cobarde, vendido aos intereses de Centro Europa”. A moción contou tamén co apoio do PP que malia todo criticou que se incluíse na moción unha reprobación á Conselleira do Mar, Rosa Quintana de quen dixo “fixo moitas cousas por Redondela como a construción da lonxa”.