A proposta do PSOE de crear dous parques para cans tanto no casco urbano de Redondela como en Chapela foi aprobada por unanimidade. Na súa iniciativa os socialistas propoñen como posibles zonas para albergar estes parques o espazo comprendido entre o antigo mercado de gando e o paseo da Telleira na zona da Avenida Mendiño e en Chapela preto do Multiusos do Piñeiral ou da Alameda. Unhas propostas que consideran “deben ser consensuados ou modificadas polos consellos parroquiais de cada zona”. Haberá tamén que buscar financiamento, xa que “crear un parque para cans en condicións ten un custe de 8.900 euros” asegurou o edil de medio Ambiente Miguel Angel Alvarez Ballesteros.
Explican dende o PSOE que actualmente nas zonas máis céntricas do Concello non existe un espazo axeitado e acondicionado para o esparexemento das mascotas, “uns Parques Caninos que contribúen ao fortalecemento do tecido social a través da convivencia veciñal, fomentan a cultura do respecto e amor polos animais así como a socialización entre mascotas e humanos. Isto contribúe a ensinanza sobre a responsabilidade do coidado animal e a conciencia social sobre o non maltrato animal”. Por ese motivo entenden que hai que traballar na creación destes espazos, iso sí, previo acordo cos veciños sobre o lugar no que ubicalos. Escoitamos a Eduardo Reguera. Unha iniciativa que viría sumarse á xa aprobada meses atrás orientada a crear tamén nas praias espazos abertos aos animais. Nesa ocasión a proposta partira dende AER quen tamén amosou o seu apoio a esta nova medida encamiñada a facilitar a convivencias entre mascotas e veciños. Dende o BNG Xoan Carlos González salientaba a necesidade de facilitar aos propietarios de animais nas zonas urbanas de estes espazos para que as mascotas que viven en pisos conten con zonas nas que correr sen necesidade de ir con correa. Os populares aseguran estar a traballar na creación de parques caninos pero que “priorizamos a creación dos parques infantís e agora tentaremos buscar financiamento para o acondicionamentos de espazos para animais, cuxo custe ascende a 8.900 euros”.