A Agrupación de Electores de Redondela organiza un magosto que quere ser “un castañazo á ampliación da AP-9”. Así o define esta formación política que convida a todos os veciños a participar este domingo dunha actividade que consistirá nun roteiro guiado polo arqueólogo Xurxo Constela, quen explicará os valores culturais e patrimoniais da zona, a lectura dun manifesto en defensa do patrimonio e para rematar un magosto con castañas e bebidas de balde. A xornada reivindicativa arrancará ás 16:30 horas.
O acto está convocado para esta fin de semana logo de que xa arrancasen os traballos previos baixo a ponte de Rande para proceder a súa próxima ampliación. Unhas obras que ao entender dos convocantes van ter graves repercusión na contorna da Ponte xa que “é de imaxinar que entre a construción dos piares e as infraestruturas e preparativos que hai que crear para achegarse ata eles (ampliar camiños e demais) a destrución sobre a Fortaleza de Rande vai ser tamén de proporcións épicas. O que non conseguiron as flotas inglesa e holandesa durante a Batalla de Rande vaino conseguir o Ministerio de Fomento en poucos días”.
Descoñecen a existencia dun plan de conservación previo para os restos da Fortaleza de Rande polo que “moito nos tememos que a Fortaleza estea abocada á destrución, como xa ocorrera hai tempo coa súa compañeira de Corbeiro na outra beira da ponte”.
Con este acto do domingo queren dar a coñecer os restos patrimoniais existentes e demandar das administracións unha vez máis que se protexan axeitadamente e se evite a súa destrución.
Dende AER agradecen a colaboración da Asociación Deportiva e Cultural de Rande na organización do evento.