O presidente da asociación provincial de armadores do cerco de Pontevedra e veciño de Redondela, José Manuel Saavedra insiste en que as súas protestas só se solucionarán cando exista un compromiso por parte das autoridades a atender as súas demandas que pasan necesariamente por un reparto da cota de xarda por tripulante e barco.
Malia agradecer a proposta achegada nas últimas horas dende o Ministerio de Agricultura e que pasaba por reabrir a pesqueira con 500 toneladas de xurelo, asegura que se trata dunha cantidade claramente insuficiente para a flota de cerco e insisten en que non abandonarán as súas protestas ata que se anule a repartición anual e se aplique outra “máis xusta e equitativa para todos que sería un reparto por tripulante e día, máis adecuado e menos discriminatorio que o vixente, que prima as capturas históricas dunha flota que neses dez anos analizados non operou en igualdade de condicións”. A directiva da agrupación, tras consultar á asemblea, acordaba polo tanto manter a protesta e non saír o luns a pescar. Tamén seguir acampados ás portas de San Caetano malia que “os ánimos están cada vez máis baixos” segundo explicaba Saavedra. No camiño de lograr as súas reivindicacións unha delegación de cinco representantes de Acerga viaxará o vindeiro luns a Bruxelas para explicar ás autoridades pesqueiras o problema no que se atopan pola falta de cotas e por unha repartición destas que consideran inxusto. Entrevistaranse cos eurodeputados galegos dos distintos grupos políticos que forman parte da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo e preparan xa unha manifestación para o domingo 15 de novembro.