A creación do artista redondelán residente en Lituania Lino Lago chega hoxe ao MAC (Museo Arte Contemporáneo de A Coruña). A mostra leva por título “Esto no es una pipa” e está dividida en dúas partes, unha primeira na que recolle unha ampla selección de obras das súas etapas anteriores e unha segunda na que aborda, por ver primeira, o asunto da inxustiza e o sufrimento innecesario dos animais como temática principal.
Lino Lago (Redondela, Pontevedra, 1973. Reside en Vilnius, Lituania) é un dos artistas cun discurso crítico máis definido e comprometido desde a pintura. En todo o seu traballo podemos ver unha constante incomodidade do que supón o feito pictórico e artístico en contraste cunha magnifica factura en todas as súas obras.
A súas últimas obras abordan directamente a crítica á ideoloxía carnista que rexe o mundo contemporáneo e que xurde, conceptualmente do animalismo, unha corrente de pensamento e acción que cre que a relación que mantén o ser humano coas animais na sociedade actual é absolutamente abusiva, cruel e inxusta.
O artista vai máis aló da estética e busca a inspiración na rúa, nas noticias, na vida cotiá. Atrévese a intervir fondos clásicos de Bronzino ou Velázquez con elementos xeométricos, textos intrusivos ou pinceladas caóticas e desordenadas. Tamén se achega ao hiperrealismo coas súas pinturas próximas á definición da fotografía, que tampouco se libran da súa man interventora. En todas as súas obras tenta recoller o estandarizado para dotalo dun novo significado, convertelo noutra cousa para expor un novo razoamento.
A exposición poderá visitarse ata o 28 de febreiro.