Unha placa conmemorativa colocada na fachada principal da casa na que viviu lembra dende onte a Don Telmo “un home bo, o médico dos pobres, un demócrata, un republicano e, sobre todo, un home honrado e por iso o mataron, so por iso” tal e como lembrou a súa neta Amaya Bernárdez, residente en México país no que acabarían exiliados os descendentes de Bernárdez. Asasinado o 12 de novembro de 1936, os actos celebrados onte e organizados dende o concello co gallo da apertura do programa correspondente ao seu nomeamento como “Persoeiro do ano”, convertéronse tamén nunha reivindicación da República, da que Bernárdez foi un firme defensor.
Unha ofrenda floral na tumba de Telmo Bernárdez (1885-1936) no cemiterio dos Eidos foi o primeiro dos actos realizados neste ano en torno á figura do que fora alcalde de Redondela no ano 1923. A continuación tivo lugar o descubrimento dunha placa na casa onde vivira o homenaxeado -na mesma rúa que leva o seu nome- nun acto no que se produciu a intervención espontánea de Mundo Cal, membro do colectivo republicano quen criticou que “os mesmos que promoven estes actos logo néganse a que se recuperen os milleiros de cadáveres que aínda permanecen nas cunetas” para fundirse nun emotivo abrazo co Loty de La Granja, nora de Bernárdez. A súa filla Amaya agradeceu, no transcurso da inauguración da exposición que se poderá ver ata final de mes no multiúsos da Xunqueira, as mostras de cariño que sempre recibiron dos veciños de Redondela lembrando emocionada “a primeira vez que visitei esta vila, con Franco xa morto, onde todos os veciños saíron saudarme porque era a neta de Don Telmo, que non é pouca cousa”. Lembrou tamén como a tumba do seu avó sempre tiña flores frescas. Un discurso no que non ocultou a dor que lle produce saber que Bernárdez foi asasinado por ser un defensor da República e lembrou as dificultades que tiveron que pasar a súa esposa e os seus nove fillos. Recoñeceu que ao repasar a documentación que forma parte desta mostra “regresoume inalterada a mesma rabia de sempre, a que temos os exiliados e os seus fillos”. Unhas palabras que pechou cun sentido “nunca non renderemos, Viva la República! O alcalde, Javier Bas tamén insistiu no carácter solidario de Telmo Bernárdez así como nos seus méritos médicos chegando a ser secretario e vicepresidente do Colexio oficial de médico da provincia de Pontevedra ademais de inspector municipal de sanidade “grazas a súa impecable traxectoria profesional”. Non deixou de lado o seu compromiso político “que o levou a defender a liberdade ata o último momento sendo asasinado inxustamente o 12 de novembro de 1936”. Os actos de onte son o resultado da elección de Telmo Bernárdez como persoeiro do ano 2015, coincidindo co 130 aniversario do seu nacemento.