Os redondeláns non foron quen de resistir o envite do Deportivo B, que fixo unha dura presión no campo dos de Marcos Montes. A derrota deixa ao Choco na oitava praza da Terceira División. En Segunda Autonómica vitoria dos equipos locais. O filial do Choco sorprendeu ao líder, impúxose ao Lavadores por 3-0; Chapela gañou ante o Racing de Castrelos por 1-0.
Terceira División
Deportivo B 3-0 Choco
Dura derrota dos redondeláns ante o Fabril. O equipo de Redondela perdeu de xeito claro e, ademais, estivo superado en moitos momentos polo seu rival. O primeiro gol chegou preto da media hora de xogo por medio de Corredera e, tres minutos despois, Iago López anotou o segundo tanto, que case decidía o enfrontamento. O equipo de Redondela tiña a segunda metade para intentar dar a volta a un encontro que estaba moi difícil, pero pronto se atopou co terceiro tanto do filial do Deportivo, o que supuxo o final do partido e enterrou calquera opción de remontada. Terceira derrota do Choco, que baixa ata a oitava posición e afástase das prazas de promoción de ascenso. O conxunto redondelán, con todo, ten opcións de remontar axiña. O domingo reciben en Santa Mariña ao Bergantiños, equipo afundido no pozo da clasificación. Os de Montes deben saír ao campo ao cen por cen para facerse cos tres puntos e non descolgarse definitivamente dos postos de cabeza.
Deportivo B: David Gómez, Benjamin, Lucas Viña (Jorge, min. 74), Roberto, Iago López, Taboada (Legaz, min. 80), Juan Otero, Expósito, Óscar García, Corredera, Santi Cotos (Rama, min. 67).
Choco: Cortegoso, Yago Vázquez, Cristian, Lucas, Carminati, Xosé Ramón (Moli, min. 79), Comis, Fernando (Alberto Suárez, min. 62), Félix, Hugo (Rober, min. 67), Fernán.
Goles: 1-0, min. 28: Corredera; 2-0, min. 31: Iago López; 3-0, min. 57: Óscar García.
Árbitro: Fernando Formoso Sánchez. Amonestou a Taboada polo Deportivo e a Yago Vázquez e Comis polo Choco.
Segunda Autonómica
Choco B 3-0 Lavadores
Tiña unha xornada complicada o filial, e resolveuna con nota. Recibía ao líder, o Lavadores, e logo dunha primeira metade igualada, os redondeláns saíron do descanso con máis mecha que os vigueses. Na segunda parte anotaron os tres goles, obra de Peña, Iván e Eloy. O Choco B mantén a sexta praza e aspira a seguir escalando posicións. O domingo xogarán en Vigo ante A Guía, cuarto clasificado.
Chapela 1-0 Racing de Castrelos
Partido de moita igualdade entre o Chapela e os do Monte da Mina que se saldou a favor dos redondeláns, que manteñen a sétima praza. A próxima fin de semana xogan no campo do Vincios, situado no pozo da clasificación.
Terceira Autonómica
Cesantes 1-1 Pontecaldeas
Reparto de puntos nun partido no que os de Cesantes plantaron cara a un dos equipos máis fortes do grupo. O resultado deixa aos redondeláns na novena praza do grupo. O domingo xogan no campo do S. Andrés, que os adianta en tres posicións con tres puntos máis.
Moledo 3-0 Beretes Chapela
O Peña Beretes segue sen despegar nesta liga, afundido na penúltima posición do grupo logo de colleitar unha contundente derrota no campo do Moledo. E na próxima xornada terano moito máis complicado, xa que visitan o campo do líder, o Coia.
Castelo 0-1 Atl.Vilar
A única vitoria local na Terceira Autonómica foi a do Vilar, que se impuxo pola mínima no campo do Castelo, pechacancelas do grupo. Os redondeláns son agora terceiros do grupo, e o domingo reciben a outro dos equipos da parte baixa da clasificación, o Covelo.