O concello de Redondela estaba alertado e o número de efectivos da policía era moito maior que noutras ocasións. O obxectivo era evitar que se produciran novos altercados na feira logo dos enfrontamentos vividos nas últimas semanas en diferentes mercadiños tanto no noso concello como en todo o sur da provincia. Finalmente non houbo que lamentar ningún incidente, pero si menos afluencia de público malia tratarse dunha feira en sábado e con tempo espléndido. Tamén menos ambulantes dos esperados, xa que a maior parte do vendedores Zamoranos, os que están ameazados polo clan de Los Morones, que preside Sinaí Giménez, optaron por non acudir a esta feira.
Si o fixeron un nutrido grupo dunhas setenta persoas que liderados por Giménez presentáronse en Redondela, malia non contar practicamente con postos de venda neste mercado. O amplo desplegue policial cun elevado número de axentes da policía nacional e do servizo da policía local, impediron o seu acceso para evitar enfrontamentos e garantir a seguridade de vendedores e clientes. Finalmente decidiron marcharse e a feira desenvolveuse con total normalidade, aínda que cun 10% menos de ambulantes, ao non estaren presentes os Zamoranos, quen rexentan un total de 23 postos.
O Concello de Redondela manterá unha elevada presenza policial na feira do vindeiro 6 de decembro, unha das máis importantes do ano ao coincidir o festivo da Constitución coa proximidade do Nadal o que fai que sexa unha das máis multitudinarias do ano.