Todos os grupos da corporación acordaron sumarseao plan da Deputación de Pontevedra na xestión dos residuos orgánicos e comezar a traballar en materia de compostaxe. O BNG amosa a súa satisfacción por este acordo unánime logo de que no pasado mes de febreiro presentaran unha moción neste sentido.
Non foi ata a comisión celebrada onte cando o PP decidiu rectificar e aceptar a proposta do BNG de constituír un grupo de traballo para implantar a compostaxe en Soutomaior logo de que nun primeiro momento non aceptase a proposta. Neste sentido, o voceiro do BNG, Manu Lourenzo amosaba a súa satisfacción porque “o PP de Soutomaior rectifique. Hai a penas 6 meses votou en contra dunha moción nosa nestes mesmos termos e o feito de que agora cambien de idea e decidan sumarse ao proxecto non fai senón demostrar que estabamos no certo cando solicitamos dar un paso adiante en Soutomaior en favor da compostaxe e da reciclaxe. Estamos convencidos de que entre todos acadaremos un Soutomaior limpo e ecolóxico.”
Así mesmo, o voceiro nacionalista sinalaba que “é moi ilusionante ver que agora todos os grupos se suman. Trátase dun proxecto moi ambicioso, no que están traballando expertos de prestixio mundial e no que grazas ao traballo de todos e ao esforzo de persoas como o vicepresidente provincial César Mosquera, conseguiremos que estes concellos sexamos referencia internacional en materia de reciclaxe e compostaxe”.