Os socialistas presentan unha moción para que se inste a Fomento a remodelar a ponte de xeito que se garanta tanto a seguridade de vehículos como de peóns. A petición do PSdeG incluiría substituir o actual cruce do Alto da Encarnación na N-552 por unha rotonda coa finalidade de que o lugar sexa máis seguro para os usuarios. Critican que dende o PP non se teña reclamado esta actuación e non se pedira nestes anos un seguimento das obras da AP-9.
O PSdeG-Redondela rexeita totalmente a proposta de Audasa apoiada por Fomento para ampliar a ponte de acceso a Trasmañó desde o Alto da Encarnación debido a que non mellora a situación da ponte. O proxecto contempla engadir á plataforma un lateral de 70 centímetros na que se situaría unha beirarrúa de 1,24 metros de anchura, mentres que a calzada ampliaríase desde os 5 metros actuais a 5,5 metros. Explican que o peón gañaría tan só vinte centímetros e, en canto aos vehículos, aseguran que non podería pasar dous a un tempo pola mesma zona “algo que pretenden arranxar cunha sinal de tráfico”.
“O que pretende Audasa e Fomento é aforrar cartos, poñendo en perigo á veciñanza xa que un turismo e un autobús escolar non poderían pasar á vez pola ponte e terían que manobrar metros sobre ela, tampouco dan a suficiente seguridade aos peóns para atravesala” por esta razón, dende o PSdeG-Redondela facendo eco das peticións da veciñanza piden un acordo plenario de todos os grupos políticos para “a remodelación da ponte de Trasmañó cun Plan Integral tanto para a seguridade de peóns, facendo beirarrúas cunha anchura que permita o paso de máis de dous peóns e persoas con mobilidade reducida a ámbolos dous lados, como unha calzada co suficiente espazo para que dous vehículos pasen á vez”. Tamén reclaman que o acceso á ponte se regule coa construción dunha rotonda na N-552.