Chegan as festas de Nadal, época de incremento do gasto cos agasallos, comidas de empresa e celebracións familiares. Estudos feitos por consultoras de consumo sinalan que cada fogar español gastará estas festas de Nadal 684 euros, un 10 % máis que o ano pasado. Un incremento que non secundarán os veciños de Redondela, que se manifestan “prudentes” nas compras.
A maioría cos que tivemos ocasión de conversar farán “as mesmas compras” que o ano pasado, e evitarán “os excesos”. Aurora recoñece que o gasto no seu fogar “está nesa media”, como en anos anteriores, pero non advirte aínda demasiado movemento no comercio local. Moitos seguirán “medindo” moito os seus gastos. A inseguridade do mercado laboral fará que as compras destas festas “eviten os excesos”. É o caso de Carmen, que pensa facer o mesmo gasto que o ano pasado, xa que non percibe que a situación económica sexa mellor que o ano pasado. Unha visión pesimista que comparte o comercio local, que aínda non está a rexistrar un incremento nas vendas. José Luis, que rexenta un comercio de moda, afirma que o negocio está “moi parado”, malia que confía en que a situación mellore de cara as datas de Nadal e Fin de Ano. Con todo, tamén hai quen respira optimismo. É o caso de Isabel, unha xubilada que advirte “máis alegría” na rúa, e máis dinamismo no gasto con respecto a anos anteriores. Un optimismo do que se fan eco consultoras como Deloitte, no seu do Estudo de Comercio Do Nadal. A enquisa calcula un incremento dun 10% no gasto das familias que situarán a España no quinto posto de países con maior orzamento para estas festas. A previsión de gasto español (684 euros) sitúase por encima da media europea establecida en 622 euros. As principais partidas serán a de agasallos (269 euros) e alimentación (208).