Os rapaces de idades comprendidas entre os 4 e os 14 anos poderán participar deste programa que se desenvolverá os días 21, 22, 23, 24, 28, 29, 30 e 31 de decembro. As actividades desenvolveranse en horario de 9:30 a 13:30 en oito parroquias e para participar é preciso presentar a ficha de solicitude no Rexistro Xeral do Concello de Redondela antes do luns 14 de decembro.
Organizado pola Concellería de Servizos Sociais, Muller e igualdade os principais obxectivos desta actividade son fomentar e favorecer a conciliación familiar e laboral durante estas vacacións de Nadal e incidir e participar no desenvolvemento integral da infancia a través do xogo coeducativo, dando especial importancia á igualdade, á convivencia, ao respecto, á solidariedade ou á creatividade, entre outros.
Este Programa, ao que hai que inscribirse previamente, ofértase para nenas e nenos de 4 a 14 anos, cuxa nai ou pai teña unha antigüidade no empadroamento no concello de Redondela de como mínimo 1 ano. As actividades desenvolveranse nas parroquias de Cabeiro, Cedeira, Ceasntes, Chapela, Negros, Redondela, Saxamonde e Ventosela.
Esta convocatoria conta cun total de 150 prazas, que serán adxudicadas por rigoroso orde de entrada da Ficha de inscrición no Rexistro Xeral do Concello, reservando 5 prazas para menores con necesidades educativas especiais, que contarán con persoal profesional especializado.
Para poder participar é preciso presentar a ficha de solicitude de participación no Rexistro Xeral do Concello de Redondela, seguíndose para a elaboración das listaxes de participación rigoroso orde de inscrición segundo número de entrada no Rexistro. A ficha de inscrición pode descargarse da páxina web do Concello ou recollela nas oficinas do Centro de Información ás Mulleres (CIM) en Redondela e Chapela.
O prazo de inscrición remata o luns 14 de decembro.