O edil de cultura insiste en que a moción presentada por AER, na que se solicitaba a elaboración dun catálogo de artistas locais como eixo fundamental para a súa promoción, non tería resultados positivos para os propios artistas implicados “tal e como demostraron experiencias semellantes que acabaron en fracaso”. En base a isto entende que malia saír aprobada dita proposta no pleno municipal “non ten sentido cumprir o mandato do pleno cando este vai na nosa contra”. Para reconducir esta situación presentará ao resto dos grupos “un pacto sobre a cultura que integre á totalidade das expresións e iniciativas, así como todo o patrimonio cultural redondelán”.
O obxectivo que se marca o edil é claro: promover o valor cultural de Redondela para convertela nun referente cultural que chegue incluso a ocupar o lugar que no pasado ostentou Vigo. Un potencial cultural que ao seu entender pode e debe dar beneficios a nivel inmaterial pero tamén económicos. Por ese motivo ven de convocar ao resto dos partidos presentes na corporación a unha reunión que se celebrará o xoves e na que lles presentará un documento sobre o cal traballar “un plan cultural no que se formulan medidas concretas coas que se pretende atender as necesidades culturais de toda a cidadanía e chegar a todos os axentes que crean e transforman a realidade en cultura”. Entre as medidas concretas de dito plan, que na súa totalidade pode consultarse no facebook do Partido Popular, recóllese a creación dunha rede de convenios con outros concellos e institucións para o intercambio de propostas artísticas e tamén a centralización de toda a información cultural de Redondela nunha nova web. Inclúese neste decálogo como proposta estrela a creación do Laboratorio das industrias culturais de Galicia con sede no noso concello.