A cabeza de lista de Nós Candidatura Galega por Pontevedra, Carme Adán, en compañía de Ana Miranda, membros da candidatura e da organización, levaron a cabo unha acción simbólica de denuncia das custosas peaxes a AP-9, unha acción para reclamar a súa gratuidade e a transferencia deste vial fundamental ao Goberno galego. O acto celebrado na mañá de hoxe consistiu no pagamento do prezo da peaxe con céntimos e cartaces reivindicativos.
Carme Adán encabezou co seu vehículo a caravana de dez coches con cartaces reivindicativos de cara as cabinas de peaxe do tramo Vigo-Redondela da AP-9. Alí pagou con céntimos os 0,90 euros que custa a peaxe como medida de protesta polas altas taxas que se cobran por circular pola principal arteria viaria de Galiza. Adán censurou ao PP por votar sempre en contra “das nosas iniciativas no Congreso para unha AP-9 gratuíta e transferida” e denunciou que o pago nesta autoestrada “é un roubo e unha estafa pro tratarse dunha das peaxes máis caras do estado”. Por ese motivo anunciou que levan no seu programa como unha das súas primeiras iniciativas “pedir a gratuidade desta autoestrada que vertebra Galiza desde Tui até Ferrol”. Rematou afirmando que “para Nós, a AP-9 é un motor socio económico, por iso é tan importante que sexa gratuita. Debe rematarse con esta estafa. Unha prioridade para os galegos e as galegas, e para os transportistas que todos os días utilizan a autoestrada, non paguen por ela”.