Dende o grupo parlamentario socialista explican que non hai partida orzamentaria para a apertura do Centro de Día no primeiro trimestre de 2016 e acusan ao PP de “mentir á veciñanza” cando aseguraron meses atrás que a apertura de portas deste centro asistencial estaba próxima. O PSOE pide responsabilidades “ante a mala xestión do PP sobre estas instalacións” cuxa construción rematou no 2012 e que a día de hoxe están deteriorándose.
Os socialistas de Redondela lembran que xa o pasado verán fontes parlamentarias do PSOE informaban que o Centro de Día de Cesantes asinaba a adxudicación con Cogami, pero que non abriría as súas portas no 2015. Dende o PP contestaban que “moi pronto, os feitos darán e quitarán razóns”.
Ante a situación actual, co centro aínda pechado e sen partida económica para a súa apertura, o PSdeG “pide ao PP de Redondela que non siga mentindo á poboación xa que estamos en decembro e como aseguramos hai meses, o centro de día segue pechado e cada vez o deterioro do edificio é máis notable” ademáis “vemos insuficientes as prazas, xa que non serán 40, senón 20 prazas. Tamén cambian o seu inicial uso, só terá carácter de centro de día e non residencial. Este último moi necesario e inexistente actualmente no Concello de Redondela”. Ademais, mediante a información obtida polo grupo parlamentario socialista aseguran “a inexistencia de partida orzamentaria para a finalidade de apertura do Centro de Día de Cesantes durante o primeiro trimestre de 2016”.O Centro de Día e Residencial de Cesantes rematouse en 2012 cun orzamento de 1,6 millóns de euros e a día de hoxe segue pechado conlevando o seu deterioro. Ante esta situación a edil socialista Digna Rivas esixe que “o PP de Redondela poña en coñecemento da veciñanza toda a información sobre a instalación de Cesantes e que non teñan que estar os grupos políticos a buscar mediante migallas a información veraz cando os populares teñen a obriga de informar a poboación”. Conclúe reclamando claridade aos populares “sexan claros, non fagan promesas de apertura porque xa estamos a decembro e o Centro de Día de Cesantes leva anos deteriorándose pola mala xestión do PP ao que só lle interesa privatizar os servizos e non poñer en funcionamento as instalacións públicas que deixou o bipartito”.