Joshua Rodríguez (En Marea): “A xente quere aire novo” Carmen Amoedo (PP): “O PP ten que gobernar porque o que está claro é que a xente non quere un goberno do PSOE” Leonardo Cabaleiro (PSOE): “O gran perdedor foi o PP” Xabier Balsas (Nós Candidatura Galega): “Os resultados son malos sen paliativos”
Unha xornada de resaca electoral que os implicados en política viven hoxe de xeito diverso segundo as súas cores. Se no resto do estado Podemos está de parabéns logo de entrar no parlamento con 69 escanos, no caso de Redondela a alegría é aínda maior xa que En Marea, a coalición na que se integra esta formación política, foi a gran vencedora no noso concello logrando 6.148 votos malia ter unha estrutura moi feble. Precisamente ese aspecto é un dos que deberá traballar agora esta coalición ao entender de Joshua Rodríguez de Podemos Redondela, quen apunta tamén que logo de dixerir o éxito acadado nestes comicios haberá que comezar a traballar de cara ás eleccións galegas “coa posible incorporación doutras formacións” en referencia a Nós Candidatura Galega. Valoración tamén dende o PP que insiste na idea de que son a lista máis votada “acadando mellores resultados dos que anunciaban as enquisas”. A popular Carmen Amoedo asume a importante perda de votos do seu partido tanto a nivel estatal (pasaron de 186 a 123 escanos) como a nivel local, (o PP perdeu en Redondela 2.201 votos pasando de 7.781 no 2011 a 5280 no 20D), como “unha tendencia que xa se amosara nas eleccións municipais e que ven demostrar que a cidadanía quere dar cabida a outras forzas ademais de PP e PSOE”. Queda con todo coa idea de que “malia ter gobernado nun momento moi duro, no que o PP tivo que adoptar medidas moi difíciles para evitar o rescate, a cidadanía maioritariamente segue dándonos o seu apoio”, por iso “o PP ten que ser quen repita na Moncloa”. Dende o PSOE a lectura é ben diferente “o gran perdedor destas eleccións foi o PP”. Así o entende o socialista Leonardo Cabaleiro quen asume a diminución de votantes da súa formación a nivel local (pasaron de 5.865 votos no 2011 a 4.342 na xornada de onte) como unha consecuencia lóxica da irrupción das novas forzas emerxentes que lle restan votos aos partidos maioritarios. Aplaude aínda así que Redondela amose unha vez máis que o seu apoio é para as forzas de esquerda. Sobre o complicado escenario de pactos que se abre a partir de agora fai súas as palabras do líder dos socialistas, Pedro Sánchez, quen xa onte delegaba en Rajoy a responsabilidade de asumir o primeiro intento para formar executivo. Finalmente, Nós asume a derrota “sen paliativos” logo de non acadar representante en Madrid. Dende Redondela analízanse tamén os nefastos resultados acadados nestes comicios con tan só 758 votos. Dende o BNG, formación integrada en Nós, Xabier Balsas lamentaba “non ter sido quen de convencer a novos votantes nin de manter aos que confiaran en nós en comicios anteriores”. Cualifica de “moi preocupante” o panorama que xurde a partir de agora “cunha distribución de poderes que vai facer moi difícil a gobernabilidade do estado cun goberno que vai ser moi feble sexa da cor que sexa”.