O Concello de Redondela presenta este martes ás 20:00 horas no Multiúsos o resultado do proceso de participación cidadá que definirá a nova Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible. Redondela 2020. Entre as propostas máis votadas atópanse: “promover unha aceleradora de empresas que impulse unha economía baseada na cultura e a creatividade”, “crear unha rede de espazos de coworking en locais que estean desocupados” e “posta en marcha de programas de emprego baseados en proxectos culturais”.
O Concello de Redondela presentará mañá ás 20:00 h no Auditorio do Multiúsos da Xunqueira, o resultado do proceso de participación cidadá articulado a través da web http://redondela2020.es/, do correo electrónico info@redondela.es e da páxina de twitter @Redondela2020. Este proceso tivo como obxectivo priorizar e definir as liñas de actuación que comporán a estratexia de desenvolvemento urbano Redondela 2020.
O motivo da posta en marcha dun proceso de participación cidadá é contar coa opinión de todos os veciños, así como dos distintos colectivos e asociacións do municipio, podendo coñecer as propostas, valoracións e inquietudes sobre os principais retos futuros que debe abordar a cidade, co fin de facilitar a acción urbanística, económica, ambiental, cultural, social e de gobernanza do municipio, e definir un modelo de cidade acorde as demandas cidadáns, durante o período 2014-2022.
O número total de achegas realizadas pola cidadanía foi de 150, recibindo un total de 361 votos.