Os veciños da zona amosan as súas queixas ante a gran cantidade de problemas que lles ocasionaron as obras de saneamento, abastecemento e recollida de augas pluviais do Concello por un importe de 300.000€. Os socialistas critican ao goberno local por non solucionar estes problemas malia que as denuncias dos veciños “xa deixaran patentes meses atrás que a obra non se realizara en condicións con portais que quedaban máis baixos que a estrada e cunha recollida de augas que non era a axeitada”. Acusan ao PP de deixazón na conservación e mantemento das rúas do Casco vello.
Actualmente atópanse pola Esfarrapada sacos de sepiolita para impedir que as casas se aneguen tras a realización desta obra. Unha situación que se produce meses despois da denuncia pública das moitas deficiencias que incluían, segundo explican dende o PSOE “a ineficacia dos desaugadoiros e as queixas porque os portais quedaban a alturas moi distintas das que estaban antes, moitos deles por debaixo do nivel da rúa.
Engade o voceiro socialista Eduardo Reguera que “seguen sen colocar o farol que quitaron durante a realización das obras, a pesar de que a reposición deste punto de luz á altura do número oito foi reclamada numerosas veces pola veciñanza”.
Os residentes dos arredores da zona desta obra tamén denuncian que desde hai catro anos non se está a levar unha conservación das rúas do casco antigo o que se traduce “en lousas de pedra levantadas ou rotas ademais da rede de sumidoiros sen desatascar e coas tapas soltas”. Poñen como exemplo a Rúa Cruceiro que tras meter o gas hai tres meses e logo de tantas avarías de auga, agora está todo o adoquinado afundido coas lousas de pedra quebradas ou a rúa Reveriano Soutullo que “leva sen a unión de cemento entre pedra e pedra dende hai dous anos cando a limparon con auga a presión”.
Explican os socialistas que a estas deficiencias engádense as detectadas nas rúas Isidoro Queimaliños, Alfonso XII, Telmo Bernárdez, Cruceiro, Loureiro, Picota e Prata así como a Praza da Constitución “rúas que serven de exemplo do descoido e do pouco que lle interesa o casco antigo ao PP de Redondela”.