O club busca financiamento público e privado para facerse cunha nova traiñeira que lles permita competir na máxima categoría do remo feminino. Mentres preparan a temporada cunha regata de bateis que se disputa o sábado en Meira, e o Campionato Galego de “Remoergómetro” que se celebra o domingo en Ferrol.
O ano comezou con boas novas para o Club de Remo Chapela que, grazas á ampliación de inscricións na Liga Galega de Remo, regresa á Liga Galega A. Pero as cousas non van tan ben na categoría feminina. No plano deportivo as remeiras de Chapela están a un alto nivel, pero carecen de fondos para mercar a embarcación que lles permita competir esta temporada na máxima categoría do remo. O presidente, Julio Prado, recoñece que están a traballar a reo, tanto con patrocinadores privados como coas administracións “para tentar reunir as achegas necesarias”. Pero de momento esas axudas económicas non son suficientes. Con todo, confía en poder reunir os 36.000 euros que custa a nova embarcación antes de que comece a competición de traiñeiras, que será en xullo, e repetir os éxitos da pasada temporada. Mentres prepáranse para a temporada de bateis que comezará o 13 de febreiro para as categorías inferiores. Esta fin de semana teñen unha intensa axenda. O sábado, día 23, participan en Meira cunha regata de bateis contra reloxo organizada pola S.D. Samertolameu. Estaba prevista para o pasado 9 de xaneiro, pero houbo que aprazala polo mal tempo, e dispútase o sábado ás 16.00 horas. E o domingo a cita é en Ferrol co Campionato Galego de Remoergómetro, o denominado “remo indoor”, ou remo baixo teito. É a primeira vez que o C.R Chapela participa nunha cita destas características, e confían en obter un bo resultado. A proba incluirá un programa individual en horario de mañá, e outro de equipos pola tarde. O C.R. Chapela, que é o club galego con máis deportistas cun total de 100 fichas, participa con 35 deportistas.