Hoxe é Xoves 28 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A lei de acuicultura non gusta a (case) ninguén

RR_Noticias

Numerosos colectivos esixen a retirada do anteproxecto de lei de acuicultura e incluso nas propias filas do PP hai quen xa manifestou o seu posicionamento en contra dunha norma que non convence nin ao sector nin a diferentes colectivos que presentaron ata un total de 87 alegacións no mes e medio que estivo a exposición pública. En Redondela está previsto que se aprobe unha moción en contra da lei no pleno da vindeira semana. O patrón maior, Clemente Bastos apunta tamén que non se desbotan outras accións no caso de que o goberno galego non dea marcha atrás na súa decisión de aprobar un texto que supón a privatización do mar e vai en contra das explotacións artesanais. Decidiranse nunha reunión que a Federación de Confrarías celebrará este sábado.

O texto presentado pola Xunta non convence a ninguén e así llelo fixeron saber os representantes do sector a conselleira do Mar, Rosa Quintana que na tarde de onte se reunía en Arcade cos patróns maiores, mariscadores e mariñeiros das rías de Pontevedra e Vigo. Ao redor de 200 persoas que ateigaron o Multiúsos de Arcade para amosar o seu rexeitamento a un anteproxecto que segundo din “está feito para a gran industria”. O patrón maior de Redondela recoñece que é necesario regular esta actividade “mellorando o sistema actual” na vez de promover a acuicultura extensiva. Defende Bastos un sistema artesanal que “podería duplicar tanto a producción como o número de postos de traballo que xera actualmente”. As críticas son tantas que a propia Federación presentou 18 alegacións, cantidade que tería sido moito máis elevada no caso de dispoñer de tempo suficiente para estudar un texto complicado. “A Consellería tardou catro anos en preparar a lei e os afectados só dispuxeron de mes e medio para presentar alegacións” explica Bastos. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, asegura non entender as razóns polas cales o texto que presentou o seu departamento foi tan mal recibido polo sector. Pero o certo é que, desde a súa saída á luz pública, ese documento xerou malestar non só entre o sector, senón tamén entre as filas dos populares. Foron xa varios os goberno do PP que aprobaron mocións en contra desta lei e parece que na vindeira semana podería aprobarse tamén en Redondela, por unanimidade e polo tanto cos votos a favor do PP local, unha moción semellante.  

Clemente Bastos patrón maior
Unha lei que vai en contra do traballo artesanal
Rexeitamento maioritario
A federación de confrarías estuda medidas no caso de non retirarse o anteproxecto
Moción en Redondela
Esperan que se aprobe de xeito unánime

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará